Saturday 20 de April de 2024

A Xunta sela con Padrón o acordo para investir 3 millóns de euros na redución do risco de inundación nos ríos Ulla e Sar


As obras licitaranse a mediados do vindeiro ano e o obxectivo é ter rematadas as actuacións a finais do ano 2023

A Xunta selou hoxe co Concello de Padrón o acordo para investir 3 millóns de euros na redución do risco de inundación nos ríos Ulla e Sar, coa previsión de licitar as obras a mediados do vindeiro ano. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, este convenio de colaboración para impulsar as actuacións necesarias para reducir o risco de asolagamentos.

Vázquez Mourelle informou de que a Xunta está actualmente centrada no impulso dos proxectos construtivos das obras, prevendo que a comezos de ano se estean redactando xa todos os documentos técnicos correspondentes ás actuacións previstas para minimizar o risco de inundacións que recolle o convenio. Pola súa banda, Antonio Fernández agradeceu “o compromiso da Xunta de Galicia con Padrón, pois hoxe vimos de asinar un convenio que solucionará definitivamente os problemas de inundacións que veñen sufrindo moitos veciños e veciñas dende hai moitos anos”.

Unha vez redactados e supervisados os proxectos, e contando coa documentación municipal necesaria e superada a fase de información pública, o obxectivo é licitar as obras a mediados do vindeiro ano e que estean rematadas a finais 2023, dentro do período establecido para a execución dos fondos europeos FEDER cos que serán cofinanciadas. Esta iniciativa enmárcase na liña de traballo da Xunta de cara a estar mellor preparados ante o cambio climático e para contar coas medidas necesarias para reducir o risco de inundación e as consecuencias que para as persoas, o medio e a economía poden supoñer as enchentes.

Actuacións principais

A conselleira explicou que as actuacións previstas parten dunha planificación completa e ambiciosa realizada desde a Xunta, pois están recollidas no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo dos ríos Ulla e Sar. Tras os estudos hidráulicos realizados, a Xunta propón un conxunto de actuacións entre as que destacan a mellora dos espazos fluviais e a drenaxe do río Sar no cruzamento coa vía AC-301, onde se prevé actuar na ponte sobre a estrada o; e o espazo fluvial e a drenaxe no rego Avelenda, ao seu paso por Iria Flavia. Tamén se levarán a cabo medidas para protexer a marxe dereita do río Ulla, entre a desembocadura da canle de derivación do río Sar e a ponte da estrada N-550.

No que se refire aos compromisos, a Xunta asume a redacción dos proxectos e a licitación, contratación e execución das obras. O Concello de Padrón comprométese a poñer a disposición os terreos e as autorizacións para a súa execución, facéndose cargo das expropiacións e de recibir as obras unha vez realizadas e o seu mantemento.